As Facultades de Ciencias da UDC e de Bioloxía da USC e a UVIGO, dispoñen dunha dotación suficiente de equipamento e infraestruturas para garantir o desenvolvemento das actividades formativas planificadas. Desde as súas orixes, as tres universidades contan con financiamento para a adquisición, o mantemento e a renovación dos seus recursos docentes tanto de infraestruturas como de equipamento. Así mesmo os servizos xerais de cada unha contribúen ao mantemento dos recursos materiais, de revisión e seguridade dos laboratorios e de recollida sistemática de residuos perigosos.

O máster, mediante os convenios que establece con entidades colaboradoras, garante a dotación de materiais e servizos necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas planificadas, segundo a normativa vixente (Lei 51/2003).

Recursos propios

Aulas grandes onde se imparten clases maxistrais e realízanse exames e presentacións por parte dos estudantes. Todas as aulas están adaptadas para persoas con discapacidade. Dotadas de equipos
informáticos e de proxección dixital para presentacións multimedia, conexión a internet, lousas interactivas, pupitres e, nalgunhas delas mesas e cadeiras individuais para facelas versátiles.

Aulas de uso múltiple que permiten a visualización de vídeos didácticos, as exposicións de traballos por parte dos estudantes, exames orais e tribunais de TFM. Adaptadas para persoas con discapacidade. Dotadas de equipos informáticos e de proxección analóxica e dixital para presentacións multimedia e conexión a Internet.

Aulas de uso múltiple que permiten impartir clases teóricas ou prácticas con computador e fóra do horario lectivo, permanecen a libre disposición dos estudantes, baixo a supervisión e apoio dun bolseiro. Todas as aulas contan con postos adaptados para persoas con discapacidade. Dotadas de computadores co software adecuado para as actividades formativas. Ademais dispoñen de computador para o profesor conectado ao proxector de vídeo dixital e unha pantalla de proxección.

Os seminarios son de dous tipos: salas para traballo en pequenos grupos ou para realizar titorías e salas con mesas de reunións. Todas elas adaptadas a persoas con discapacidade. Dotadas de conexión a internet, enchufes para portátiles, mesas e cadeiras individuais ou mesas de reunións.

Aulas dotadas do equipamento necesario para realizar conexións de videoconferencia (actualmente empréganse para os mestrados interuniversitarios adscritos ás facultades). Todas as aulas están adaptadas para persoas con discapacidade. Dotadas de equipamento de videoconferencia e canóns de proxección. As cadeiras e mesas son individuais.

Laboratorios para prácticas experimentais e seminarios prácticos, con postos adaptados a persoas con discapacidade. Dotados do instrumental e equipamento necesarios para realizar as correspondentes prácticas.

A Biblioteca é unha ferramenta de apoio fundamental nas materias e metodoloxías de ensino-aprendizaxe do Mestrado en Bioloxía Mariña, así como para a adquisición de competencias relacionadas coa procura, selección de información e discriminación de datos, sempre complementada co uso das TIC.

Bibliotecas:

USC

UDC

UVigo

Salón de Actos para celebrar: actos académicos e protocolarios, conferencias, ciclos de cinema, de teatro, concertos, reunións de Xunta de Facultade e de Departamentos. Están dotados de espazos para persoas con discapacidade e de conexións a internet, canón de proxección, pantalla xigante, equipo de son, de vídeo e climatización.